«Carolina Otero. Primeras actuaciones documentadas», un estudo sobre os inicios artísticos da Bella Otero realizado polo pontevedrés Leoncio Feijoo Lamas.
A publicación abarca o período comprendido entre os anos 1887 e 1890, unha época bastante descoñecida da traxectoria de Carolina Otero. A base traballo é a prensa da época, en concreto máis de vinte rotativos franceses que o autor consultou a través do arquivo dixital da Biblioteca Nacional de Francia, e tamén prensa española, especialmente xornais barceloneses.
A primeira noticia que Leoncio Feijoo localizou sobre a Bella Otero prové de Francia e data de 1887: «Morena como ningunha, pel escura de oriental, pestañas e cellas que ensombrecen o rostro, e naturalmente o sorriso, que é raro, revela perlas. Esta moza estranxeira é sevillana, aos encantos da súa persoa, une os talentos do seu país; baila as seguidillas e manexa as tarrañolas como ningunha española o fixo ata agora. A señorita Carolina Otero non ten nin vinte anos. Escoitarémola e verémola pronto, e será unha forte atracción parisina», auguraba aquela reseña.
Desta primeira aparición en prensa, o autor extrae unha primeira conclusión, ata agora inédita, sobre a traxectoria artística da Bella Otero: «triunfou antes en Marsella que en Barcelona e isto rompe coa liña narrada polos biógrafos» da diva da Belle Époque.