RAYMOND-GARCÍA, REGINE
Karim entornou os ollos para mirar ao lonxe: vía arbustos, años e cabras; pero non podía ver a súa nai. A Karim fíxoselle un nó na gorxa, e polas súas meixelas esvararon dúas bágoas enormes. Mirou a un lado e ao outro: non sabía volver.
A historia trasládanos a facilidade coa que un neno pode perderse apenas se separa da man dos pais. Noutros casos, o pequeno atopa territorio hostil ou tenebroso; aquí , a nai natureza protexe e coida a Karim como un máis dos seus fillos.
Régine Raymond-García escribiu esta historia ao volver dunha viaxe a Burkina Faso, fascinada pola consideración dos seus habitantes pola árbore vermella e polo baobab, pola súa alegría de vivir a pesar das dificultades, e por sacar proveito da natureza dun modo intelixente.
Pero este conto non se centra só no amparo que a natureza-nai ofrece ao home; tamén avisa da necesaria reciprocidade por parte do ser humano, que debe exercer a mesma protección e respecto sobre o ecosistema, para garantir a súa sustentabilidade.
Para a ilustradora, Vanina Starkoff, foi tamén como facer unha viaxe por Burkina Faso, as súas imaxes e a súa música, para mergullarse nesas marabillosas terras africanas, traballando cunha paleta de cores saturadas, brillantes e alegres, acrílicos sobre papel, con algunhas texturase os debuxos dixitais, segundo o estado de ánimo e as emocións polas que atravesaba Karim:amarelo e vermello para escenas onde se sente protexido, turquesas cando se sente perdido.