P. LORENZO, FRAN
A festa equivocada é unha escolma da crónica xornalística e persoal que Fran P. Lorenzo foi publicando, durante a década dos dous mil, nas páxinas do diario Galicia Hoxe. A sección de opinión que acolleu estes artigos, Vai de blog, tentaba exportar á prensa escrita a narrativa e o ton das bitácoras virtuais.
A recusa consciente do poder e do pudor é o fío de unión de todas estas prosas incidentais. Nelas fálase de política e de batallas culturais, fálase de lingua, de diversidade sexual, fálase dos medios de comunicación e fálase ao cabo da vida dun país na encrucillada da historia. ?
Semellaba que todo se podía dicir. Até que un día, tras un edicto do Arcebispado de Santiago, aquela ilusión finou, e con ela a celebración do ben supremo que é a liberdade de expresión. Por iso latexa aínda, en cada páxina deste libro, o eco en sordina dunha festa que nunca acaba.?
Os artigos que compoñen A festa equivocada son textos búmerang: migraron da rede ao papel dun periódico e, desaparecido o seu rastro en Internet, volven agora en forma de libro co mesmo afán de dar no albo, de bater, achegando unha lectura reveladora, aguda e lúcida do seu tempo, proxectada no espello dos nosos días.