ALONSO, ALEX
Baseada no famoso crime de Nigrán acontecido
en xaneiro de 1994, esta novela de Álex Alonso,
galardoada co Premio Torrente Ballester, reconstrúe
con pericia os acontecementos durante os cales
dous policías asasinaron catro persoas da familia
dun coñecido empresario do granito no seu chalé
tras un intento de extorsión. Fronte ao concepto
de novela de non ficción, tan vencellada ao escritor
Truman Capote en A sangue frío, Álex Alonso aposta
aquí pola ficción, iso si, elaborada a partir dun
enorme traballo de documentación xornalística.
Granito conta o salto ao baleiro de dous seres que xa
levaban o fracaso marcado nas súas costas, nunha
acción completamente improvisada, sen reflexión nin
preparación previas: a acción case suicida de dous
policías que non tiñan nada que perder. Ao mesmo
tempo, a novela convértese nunha crónica sentimental,
case documental, dos anos noventa en Galicia.