• Zona de usuario
  •      
  • Búsqueda avanzada

    TIENE EN SU CESTA DE LA COMPRA

    0

    Total 0,00 €

    AS AVENTURAS DE OSIÑO
    Título:
    AS AVENTURAS DE OSIÑO
    Subtítulo:
    Autor:
    BANSCH, HELGA
    Editorial:
    OQO EDITORA
    Año de edición:
    2011
    Materia
    Infantil - Juvenil
    ISBN:
    978-84-9871-317-6
    Páginas:
    36
    Encuadernación:
    Cartoné
    Disponibilidad:
    Disponibilidad 2-3 días
    Colección:
    O
    13,50 € Comprar

    Sinopsis

    Aquel home chegaba no mellor momento, porque Osiño non tiña ningunhas ganas de quedar na súa cova todo o inverno. Osiño, moi contento, exclamou: -Marcho na procura de aventuras! E foise co músico.

    Osiño emprende ilusionado e cheo de expectativas esta aventura que non se trata só dun percorrido espazo-temporal, senón, principalmente, vital. As aventuras de Osiño é unha metáfora da vida, como adoita suceder cos relatos de viaxes.

    Ao longo de todo un ano, o protagonista ―e con el, o lector― coñecerá diferentes lugares, descubrirá e afianzará o seu potencial e particular talento, fará novos amigos e, ante todo, cumprirá o seu soño: coñecer o mar.

    Este periplo está cheo de encontros e tamén desencontros, como a vida mesma, aínda que non amargos: o músico quería ir cara ao norte e Osiño ao sur, cara ao mar, claro! Como non se puxeron de acordo, nunha encrucillada despedíronse e cada un marchou polo seu lado.

    A ausencia de desgustos neste percorrido débese, sen dúbida, ao carácter feliz, vitalista e optimista de Osiño, que contaxia a aqueles con quen está alá por onde se atopa e que impregna toda a historia: Polo día traballaba nun hotel preto do mar. Andaban todos apurados, pero, con el na cociña, era imposible aburrirse no traballo.

    As aventuras de Osiño é tamén unha viaxe de aprendizaxe e tránsito á madurez, con todo o que iso significa. Entre outras moitas cousas, o cambio de intereses e prioridades. Desta forma, ao principio do conto, son as abellas as que centran a súa atención: Despois de fartarse de mel, viu as abellas voando ao seu redor, e pensou: Que farán as abellas durante o inverno?

    Nese momento estaba preocupado polo seu futuro próximo (hibernar), o que o leva a preguntarse: Que pasará no mundo mentres eu durmo? (de aí a interrogante Que farán as abellas?), o que acrecenta a súa necesidade de saber se hai algo mellor que se está perdendo e se a súa vida pode ser máis plena. Isto é o que o move a viaxar e coñecer mundo.

    Con todo, cando regresa á casa ―máis maduro emocionalmente― e unha abella o esperta da sesta, e a pesar da proximidade de novo do inverno, non é isto o que centra a súa atención e pensamentos, senón unha linda Osiña. Acaba unha aventura e comeza outra. Así, ciclicamente, como as catro estacións, con importante protagonismo neste álbum. Cada unha delas, marca e contextualiza ―no texto ou imaxes― cada etapa da viaxe.

    Con As aventuras de Osiño, Helga Bansch repite a súa experiencia en OQO como autora e ilustradora, tal e como fixo con Petra, aínda que a súa colaboración coa editorial remóntase aos inicios: Cocorico, Chocolata (Premio Internacional de Literatura Infantil 2007 pola fundación Espace Enfants de Suíza), O soño do osiño rosa e Os tres porquiños.

    A artista austríaca gozou creando esta historia porque unha das súas afeccións favoritas é viaxar: "Gústame estar na natureza en todas as estacións, ver xente e coñecer o seu estilo de vida diferente: é fascinante e aprendo moito". Unha actitude entusiasta que se corresponde con Osiño, o seu alter ego: "Cando viaxei o suficiente, é marabilloso volver á casa outra vez", reflexión de Helga Bansch implícita no desenlace do conto.

    A intencionalidade á hora de crear a historia e o personaxe reflíctese con eficacia no álbum: "Escribín a historia dun oso que aprende cousas novas e diferentes que son útiles na súa vida posterior. Encántame o protagonista porque é curioso, valente, cheo de espírito de empresa, capaz de facer amigos e goza de cada momento na súa vida".

    A empatía de Helga Bansch é evidente no texto e nas imaxes coloristas e vitalistas. As ilustracións neste álbum, e en todos os seus traballos, teñen garantidas lecturas paratextuais, cun contrapunto perfecto ao texto.

    Para iso, xoga con detalles (os orixinais estampados dos pantalóns de Osiño ou o mapamundi con que reviste o corpo das abellas) cos que os pequenos se poden recrear e estimular a súa imaxinación.

    Do mesmo xeito, ofrece unha ampla e tenra gama de personaxes secundarios que nos divirten, sorprenden e emocionan con historias paralelas (a parella dos ratos e coellos). Desta forma, logra ―como é habitual nela― novas lecturas, máis ricas e suxestivas, que incitan a abrir o libro unha e outra vez.

    As historias dos outros animais que nos regala só en imaxes non son alleas á de Osiño e preparan o lector para o desenlace do conto e confirman, finalmente, o que parecía estar presente en todo o álbum, que o amor estaba no aire.